Cervo prepárase para unha nova Foliada cunha intensa xornada de música e artesanía

Cervo converterase o vindeiro 3 de maio no epicentro da música tradicional e da artesanía da comarca coa celebración da novena edición da Foliada e Feira de Artesanía, unha cita xa consolidada no calendario cultural local que terá lugar na Praza do Souto e arredores.
A xornada, organizada polas asociacións Fervenza de Sargadelos, Fol do Raxal e A Morena, conta un ano máis co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e ofrece un completo programa musical, destacando as actuacións de Ailá (ás 22.00 h) e A Requinta de Lampai (ás 14.00 h), ademais dun animado "pasabares" no que participarán máis de quince grupos de música tradicional.
O deputado de Mocidade, Daniel García, participou na presentación oficial do cartel e salientou “o firme compromiso da Deputación co tecido asociativo, que xoga un papel esencial na dinamización cultural e, neste caso concreto, na protección e difusión da nosa música tradicional”.
A festa completarase cun variado abano de propostas para públicos de todas as idades: pola mañá, haberá un obradoiro de pandeiro e pandeireta impartido por Noemí Basanta e un paseo guiado da man de Guido Guía. Xa pola tarde, os asistentes poderán gozar de xogos tradicionais con Xogando nas Nubes, dun obradoiro de baile tradicional con Marcos Botana e doutro de enredos musicais guiado por Oli Xiráldez.
A Foliada de Cervo promete un ano máis unha xornada de celebración, encontro e posta en valor das tradicións galegas nun ambiente festivo e participativo.