Cervo prepárase para un Entroido repleto de cor, música e premios

AMariñaXa
Tres desfiles en Cervo, San Cibrao e San Román de Vilaestrofe animarán o municipio cun programa diverso e participativo pensado para todas as idades
Presentacion-entroido-cervo-2026
23 Jan 2026

O Concello de Cervo quenta motores para celebrar un Entroido que promete ser memorable. A festa local terá como protagonistas tres grandes desfiles, que se celebrarán en Cervo, San Cibrao e San Román de Vilaestrofe, mantendo o mesmo espírito festivo que cada ano fai desta celebración un dos momentos máis esperados do calendario.

A alcaldesa, Dolores García Caramés, salientou durante a presentación que “o Entroido é unha das festas máis queridas pola veciñanza, unha cita que mestura tradición, creatividade e convivencia, e que cada ano amosa a enorme implicación do tecido asociativo do noso concello”. García Caramés agradeceu especialmente o traballo das asociacións culturais e veciñais, como Airiños do Xunco e As Espalladoras, así como a colaboración da Comunidade de Montes Veciñais de Vilaestrofe, da Asociación de Veciños e da A.C. Comisión de Festas de Lieiro, sen as que sería imposible ofrecer unha programación tan completa e de calidade.

A rexedora destacou a variedade de propostas, os atractivos premios e a aposta pola animación musical en todos os desfiles, fomentando que o Entroido se viva nas rúas, en familia e tamén durante a noite.

Entroido de Cervo

O domingo 15 de febreiro, Cervo dará o pistoletazo de saída co desfile que partirá do colexio ás 18:00 horas e finalizará na carpa instalada na Praza do Souto. O percorrido estará amenizado pola Charanga Os Macanudos, e ao remate celebrarase unha sesión musical con DJ Conxuro. Haberá premios para os mellores disfraces individuais, por parellas, grupos e comparsas, que consistirán en figuras de cerámica de Sargadelos e cestas con produtos típicos de Entroido. As comparsas deberán contar con máis de oito persoas. As inscricións poderán realizarse nos teléfonos 629 95 17 61 (Raquel) e 617 31 32 07 (Rafa). As comparsas que se inscriban con antelación recibirán tamén unha cesta de agasallo con produtos típicos.

Cibrao

O martes 17 de febreiro, a festa trasladarase a San Cibrao cun gran desfile que dará comezo ás 18:00 horas desde a Praza dos Campos, percorrendo as principais rúas da localidade. Este desfile contará cunha ampla dotación de premios, repartidos entre as categorías individuais, parellas, grupos, comparsas e xuvenil, cun total de 2.280 euros. A animación estará a cargo da Charanga Os Macanudos, e ao remate a música continuará con DJ Aaron. Ademais, a A.C. Comisión de Festas de Lieiro instalará un posto na carpa da Praza dos Campos con chocolate, sobremesas, bolos preñados e empanadillas, creando un ambiente festivo e gastronómico. As inscricións poderán facerse na Casa da Cultura de San Ciprián, en horario de mañá, desde o luns 26 de xaneiro ata o luns 16 de febreiro, ou ese mesmo día pola tarde na carpa ata unha hora antes do comezo do desfile. Os participantes inscritos con antelación recibirán vales de consumición en establecementos locais e bolos preñados.

Entroido de San Román de Vilaestrofe

A festa pecharase o sábado 21 de febreiro cun gran Entroido nocturno en San Román de Vilaestrofe, organizado pola Asociación Mulleres Rurais As Espalladoras, coa colaboración do Concello, da Asociación de Veciños de San Román e da Comunidade de Montes. A cita comezará ás 22:00 horas no Pavillón de San Román, cun desfile e festa amenizados polo Grupo JB Son e a discomóbil Conxuro. Haberá premios para adultos e público infantil, e as inscricións poden formalizarse no teléfono 656 272 802.

A alcaldesa animou a veciños e visitantes a participar: “Queremos que a xente saia á rúa, se disfrace, participe e sinta o Entroido como unha festa aberta, alegre e compartida. Cervo é un concello vivo, e estes días demóstrano mellor ca nunca”. Desde o Concello invítase a toda a veciñanza e a quen visite o municipio a gozar dun Entroido cargado de cor, música e diversión, onde tradición e festa van da man. As inscricións para os tres desfiles estarán abertas desde o luns 26 de xaneiro.

⚙ Configurar cookies
0.083438873291016