Cervo prepárase para o XVIII Encontro de Palilleiras e Feira de Artesanía

AMariñaXa
A tradicional cita celebrarase o 5 de abril en San Cibrao e contará coa participación de artesás de diferentes puntos da xeografía
palilleiras-cervo
Presentación da cita
20 Feb 2025

O Concello de Cervo xa está inmerso na organización do XVIII Encontro de Palilleiras e Feira de Artesanía, que se celebrará o próximo 5 de abril na carpa instalada na Praza dos Campos, en San Cibrao.

A presentación do evento tivo lugar na Casa do Mar e contou coa participación da alcaldesa, Dolores García Caramés, da concelleira de Muller e Igualdade, Pilar Armada, e das palilleiras de San Cibrao, que no seu local seguen mantendo viva esta tradición artesanal.

Con dezaoito anos de historia, este encontro consolidouse como un dos eventos de referencia no municipio, coa finalidade de promover e poñer en valor unha arte que, segundo destacou a rexedora, "é primordial manter viva".

A alcaldesa subliñou que esta cita serve tamén como recoñecemento á paciencia, dedicación e creatividade das palilleiras, verdadeiras depositarias dun legado artesanal que se transmitiu de xeración en xeración. "O encontro é unha oportunidade para celebrar e preservar este oficio centenario, permitindo que o público poida admirar en directo o traballo das palilleiras e a súa gran destreza".

Desde o Concello animan a toda a cidadanía a asistir ao evento e informan de que as inscricións xa están abertas. As persoas interesadas en participar poden anotarse na Casa da Cultura, chamando ao 982 59 51 57 ou ao 629 91 22 39.

0.18264293670654