Cervo prepárase para a terceira edición do Trail A Fume de Carozo

AMariñaXa
A proba, que combina natureza e deporte, celebrarase o 8 de xuño con andaina e dúas opcións de trail
Cervo-2025-III-Trail-Fume-de-Carozo
Presentación do trail
14 May 2025

O municipio de Cervo acollerá o vindeiro domingo 8 de xuño, a partir das 10:00 horas, a terceira edición do Trail A Fume de Carozo, unha cita deportiva xa consolidada no calendario local e que mestura natureza, deporte e convivencia nun mesmo escenario.

O evento foi presentado pola alcaldesa, Dolores García Caramés, acompañada de representantes do club organizador A Fume de Carozo, na contorna da Praza dos Campos, punto de saída e chegada da competición.

A proba inclúe tres modalidades adaptadas a distintos niveis e públicos. Por unha banda, celebrarase unha andaina de 13 quilómetros cun desnivel acumulado de aproximadamente +300 metros, aberta tamén á participación de menores, sempre que conten coa autorización dun responsable legal. Por outra banda, os participantes maiores de idade poderán escoller entre dous percorridos de trail: un de 16 quilómetros e +600 metros de desnivel e outro de 25 quilómetros con +1000 metros de desnivel acumulado.

As persoas interesadas en participar poden atopar toda a información e formalizar a súa inscrición a través da web oficial do evento (ligazón aquí). A inscrición inclúe un agasallo, dorsal, seguro, puntos de avituallamento e acceso a duchas.

Os dous percorridos de trail contarán con trofeos para os tres primeiros e as tres primeiras clasificadas nas categorías masculina e feminina. Así mesmo, distinguirase aos e ás mellores atletas en cada categoría: absoluta (de 18 a 39 anos), veteráns A (de 40 a 49 anos) e veteráns B (a partir de 50 anos). Tamén se entregará un recoñecemento especial aos e ás mellores participantes locais.

Desde o Concello de Cervo convidan a veciñanza e visitantes a gozar dunha xornada deportiva única, que xa se ten convertido nun referente do deporte ao aire libre na zona. A alcaldesa subliñou o traballo e a implicación do club organizador, poñendo en valor "o esforzo de quen fai posible este evento que, ademais de servir como escaparate turístico, dinamiza a vida social do noso concello e promove hábitos saudables, sempre co máximo respecto pola contorna natural".

⚙ Configurar cookies
0.15744996070862