Cervo prepárase para a III Gran Festa das Xeracións esta Semana Santa

AMariñaXa
O evento, organizado polo club A Fume de Carozo, terá lugar o 19 de abril con música, sorteos e moita diversión
Cervo-III-Gran-Festa-das-Xeracións-2025
26 Mar 2025

A Praza dos Campos de San Cibrao converterase, un ano máis, no escenario da III Gran Festa das Xeracións, unha cita que se está consolidando como un referente na Semana Santa de Cervo. O evento, organizado polo club de trail A Fume de Carozo coa colaboración do Concello de Cervo, celebrarase o sábado 19 de abril baixo unha gran carpa instalada para a ocasión.

A alcaldesa, Dolores García Caramés, acompañada por representantes do club organizador, presentou esta nova edición, destacando o carácter integrador e festivo da iniciativa. “A Festa das Xeracións é moito máis que unha reunión, é un punto de encontro para reforzar lazos, recuperar amizades e compartir momentos nun ambiente de celebración e convivencia”, sinalou.

Os asistentes serán acomodados segundo a súa década de nacemento, fomentando así a interacción entre distintas xeracións e promovendo un espírito de comunidade. Ademais, a organización ten preparadas múltiples sorpresas, sorteos e música a cargo de DJ Pablo Conxuro.

Os interesados en asistir xa poden adquirir os seus tíckets en varios establecementos colaboradores: As Titas, O Noso Lar, O Faro, A Penúltima e Bodega de Ana, en San Cibrao; Antoxo-Cafetería, en Xove; e Vista Alegre, en Burela. O prezo é de 35 euros para o público en xeral e de 30 euros para os socios do club, como mostra de agradecemento polo seu apoio.

Desde a organización tamén avanzan novidades para futuras edicións. Para a IV Gran Festa das Xeracións, que se celebrará en 2025, propoñerán aos asistentes que acudan vestidos cun estilo representativo da súa década, buscando darlle un aire máis vintage ao evento. “Queremos que esta festa siga evolucionando, mantendo a súa esencia pero incorporando novas ideas que a fagan aínda máis especial”, explicaron.

A III Gran Festa das Xeracións promete ser unha noite de diversión, reencontros e moita música, reafirmando o seu lugar no calendario festivo de Cervo.

⚙ Configurar cookies
0.035001993179321