Cervo prepara unha Semana Santa repleta de cultura, tradición e lecer

AMariñaXa
O municipio programa unha decena de actividades culturais, festivas e deportivas entre o 28 de marzo e o 6 de abril, co apoio das asociacións locais
madrugadores-nenos-xogando
27 Mar 2026

O Concello de Cervo vén de presentar unha ampla e diversa programación con motivo da Semana Santa 2026, que se desenvolverá entre o 28 de marzo e o 6 de abril. O obxectivo principal é dinamizar a vida social e cultural do municipio, contando coa colaboración imprescindible das asociacións locais.

A celebración comezará este sábado coa X Foliada Nordestía en San Cibrao, organizada pola Asociación A Rebolaxe coa colaboración do Concello. O evento incluirá actuacións musicais de Os Carecos, Clan Maragato e Lamatumbá, animación musical durante toda a xornada, Cantos de Taberna, obradoiros diversos e un xantar popular na Praza dos Campos.

No ámbito cultural, destacan varias citas: o domingo terá lugar a representación teatral “Aire Fresco” no Local Social de Lieiro, ás 19:00 horas, a cargo do Grupo de Teatro Ardora; e o mércores 1 de abril inaugurarase a exposición “Baleas a flote: arte en madeira e mar” de Francisco Martínez-Pin, coa inclusión dun taller didáctico para a rapazada dentro do programa Cervo Concilia. Esta mostra non só ofrece arte, senón tamén un percorrido simbólico e histórico polos antigos portos baleeiros do Cantábrico, co obxectivo de concienciar sobre a protección do medio mariño.

O programa Cervo Concilia completará a oferta con actividades infantís durante as vacacións escolares nos días 30 e 31 de marzo, e 1 e 6 de abril na Casa do Mar. A mocidade tamén terá protagonismo co guateque e bingo organizados polos estudantes de 1º e 2º de Bacharelato en colaboración coa Oficina de Voluntariado Xuvenil e a Asociación de Xubilados Terramar, o martes 31 de marzo ás 19:30 horas.

O mércores 1 de abril celebrarase o III Festival do Guioncho, promovido pola Asociación Cultural Comisión de Festas de Lieiro, con actuacións de El Combo Dominicano, Waykas Survivor Tour e DJ Pablo Conxuro. A oferta deportiva e de lecer inclúe o alugueiro de bicicletas eléctricas o 1 e 3 de abril na Praza do Souto e o 4 e 5 de abril na Casa da Cultura de San Cibrao, así como a III Ruta Cabalar organizada polos Cabaleiros da Bidueira o domingo 5 de abril desde o polideportivo de San Román.

As tradicións e a convivencia interxeracional tamén estarán presentes coa IV Gran Festa das Xeracións organizada por A Fume de Carozo o sábado 4 de abril na Praza dos Campos, e coa Pascua de Trasbar promovida pola Asociación Burgo de Trasbar o domingo 5 de abril.

Desde o Concello de Cervo destacan a colaboración das asociacións locais, fundamentais para facer posible unha programación variada, participativa e pensada para todos os públicos, e animan a veciños e visitantes a participar activamente nesta Semana Santa chea de cultura, tradición e lecer.

0.11839985847473