Cervo prepara o XIX Encontro de Palilleiras e Feira de Artesanía en San Cibrao

O Concello de Cervo ultima os preparativos para celebrar o vindeiro sábado 11 de abril o XIX Encontro de Palilleiras e Feira de Artesanía, que terá lugar na carpa instalada na Praza dos Campos, en San Cibrao. A presentación do evento realizouuse na Casa do Mar, espazo habitual das palilleiras de San Cibrao, e contou coa presenza da alcaldesa, Dolores García Caramés, da concelleira de Muller e Igualdade, Pilar Armada, e dunha representación das propias palilleiras.
Con case dúas décadas de historia, este encontro consolidouse como unha das citas culturais máis importantes do municipio. O seu obxectivo é pór en valor unha tradición artesanal que segue viva grazas á dedicación, á paciencia e á creatividade das persoas que a practican. Durante a xornada, os asistentes poderán contemplar a beleza dos traballos manuais e presenciar en directo a habilidade das palilleiras, contribuíndo así á conservación dun oficio con séculos de historia.
A celebración complétase cunha Feira de Artesanía e conta coa colaboración da asociación Mulleres de San Ciprián. As persoas interesadas en participar poden inscribirse na Casa da Cultura de San Cibrao, chamando aos teléfonos 982 595 157 ou 629 912 239, ou enviando un correo electrónico a casadacultura@concellodecervo.com. As prazas cubriranse ata completar aforo.