Cervo pon en marcha un sistema de cita previa para atender de xeito presencial

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
11 Maio 2020

O Concello de Cervo pon en marcha a partir de mañá un sistema de solicitude de cita previa para atender as necesidades da veciñanza que así o requira, de xeito presencial e baixo estritas medidas de seguridade.

Deste xeito, nos últimos días xa se foi reincorporando ao seu posto de traballo todo o persoal municipal para ir adaptando a Administración local á nova situación nesta fase 1 da desescalada.

Aquelas persoas que precisen realizar un trámite de xeito presencial nas dependencias municipais deben chamar ao teléfono do Concello (982 55 77 77) no que lle outorgarán a cita en función do departamento que requiran e priorizando ás persoas maiores e máis vulnerables.

Unha vez se facilite a cita previa, a persoa deberá acceder pola porta principal do Concello, onde xa se instalou un empapador para a desinfección do calzado. O uso de máscara e a limpeza don xel hidroalcohólico –dipoñible na entrada- é obrigatorio.

Na zona de control verificarán a descontaminación do calzado, o uso do cubrebocas, e a utilización da solución hidroalcohólica.

Unha vez autorizado o acceso, a persoa debe, ou ben acudir directamente ao despacho no que previamente concertou cita, ou ben  esperar a súa quenda nunha das zonas de espera habilitadas –unha na planta baixa e outra na primeira planta- cun aforo máximo de 4 persoas, para dar cumprimento á distancia mínima de 2 metros. Deben permanecer nas instalacións o tempo estritamente indispensable para poder realizar os trámites administrativos.

Ademais, o elevador tan só pode ser usado por unha persoa cada vez: e sinalizáronse as escaleiras no sentido da subida e a baixada, para evitar o contacto. Así mesmo, tamén se delimitaron as zonas comúns e os despachos; e os baños de uso público e de uso do persoal municipal.

Os traballadores, ademais de ter garantida esa distancia de 2 metros para atender ao público, estarán dotados con máscaras -cirúrxicas e tamén FFP2- obrigatorias para transitar polos espazos comúns.

No día de hoxe, o servizo de prevención externo, acompañado de persoal municipal, supervisou os protocolos de sinalización e de seguridade establecidos, corroborando que se cumpren todos os parámetros e recomendacións fixadas por Sanidade.

Na medida en que vaia avanzando a situación de desescalada iranse modificando, adaptando e/ou implantando, se procede, medidas e recomendacións.

0.18837904930115