Cervo pon en marcha axudas para libros e material escolar en Educación Infantil

O Concello de Cervo abriu recentemente o prazo para solicitar axudas destinadas á adquisición de libros e material escolar para o alumnado de Educación Infantil (2º ciclo) nos dous centros educativos do municipio que imparten este ciclo: o CEIP Península da Paz e o CEIP de Cervo. A convocatoria permanecerá aberta ata o 17 de outubro, incluído.
Cada solicitude deberá presentarse acompañada de varias documentacións, entre elas: fotocopias dos DNI dos membros da unidade familiar, copia do libro de familia, certificado do nivel de renda e a factura ou orzamento do material adquirido nun establecemento do municipio. A documentación debe entregarse no Rexistro Xeral do Concello.
Os impresos de solicitude e as bases da convocatoria están dispoñibles na Casa da Cultura, no Concello e tamén no taboleiro de anuncios da páxina web municipal.
A alcaldesa, Dolores García Caramés, destacou que apoiar ás familias segue sendo unha prioridade para o goberno municipal: “Por iso poñemos en marcha estas axudas para a compra de material escolar. Somos conscientes de que o inicio do curso supón un gasto importante, e con esta convocatoria queremos contribuír a aliviar esa carga económica, animando tamén ás familias a realizar as súas compras no comercio local, apoiando así á economía do noso concello”, sinalou.
