Cervo pecha o programa de conciliación cun verán cheo de actividades

AMariñaXa
Máis de 160 crianzas participaron no Cervo Concilia, que combinou diversión, aprendizaxe e apoio ás familias
Cervo-Concilia-2025
6 Sep 2025

O Concello de Cervo clausurou unha nova edición do programa Cervo Concilia, que se desenvolveu ao longo do verán e se prolongou ata o inicio do curso escolar, previsto para este mércores. Nesta ocasión a participación superou os 160 nenos e nenas, cubríndose por completo a demanda existente.

A xornada final celebrouse na Praza dos Campos, onde os rapaces gozaron dunha festa especial con inchables e actividades lúdicas. A alcaldesa, Dolores García Caramés, acompañounos neste peche festivo e destacou que o programa se converteu nunha cita consolidada no calendario cervense.

Dirixido a crianzas de entre 3 e 12 anos, o Cervo Concilia ofreceu unha programación variada que incluíu teatro, ioga, kaiak, sendeirismo e obradoiros creativos. Segundo explicou a rexedora, “trátase dun proxecto que vai máis aló dunha alternativa para os meses de vacacións: é unha ferramenta educativa que promove valores como o traballo en equipo, o respecto polo medio e a solidariedade, ao tempo que impulsa o desenvolvemento persoal das crianzas”.

García Caramés subliñou ademais que a iniciativa “ten un papel fundamental para facilitar a conciliación da vida laboral e familiar, un dos grandes retos actuais”. Engadiu que “as familias poden afrontar con máis tranquilidade o verán sabendo que os seus fillos están nun espazo seguro, cheo de experiencias enriquecedoras”.

O bo funcionamento do programa foi posible grazas á implicación dun equipo de 13 monitores e 10 voluntarios. A alcaldesa puxo en valor o seu labor, “indispensable para que os rapaces aprendan, socialicen e creen novas amizades nun contorno seguro e estimulante”.

Por último, agradeceu ás familias a confianza depositada: “desde o Concello continuaremos apostando por este tipo de propostas, que resultan claves para harmonizar a vida persoal e laboral e ao mesmo tempo ofrecen ás crianzas vivencias inesquecibles”.

⚙ Configurar cookies
0.14662194252014