Cervo pecha con éxito unha nova edición do programa Concilia Nadal

O Concello de Cervo vén de dar por rematada unha nova edición do programa Cervo Concilia Nadal, unha iniciativa xa consolidada que, un ano máis, volveu converterse nun importante apoio para as familias durante o período vacacional. O balance realizado polo goberno local é moi positivo, tanto pola alta participación como pola boa acollida das actividades propostas.
Ao longo das últimas semanas, as crianzas participantes desfrutaron dun amplo programa de accións lúdicas, formativas e creativas, pensadas para fomentar a aprendizaxe a través do xogo, a convivencia e a socialización. Obradoiros manuais, dinámicas de grupo, actividades educativas e momentos de lecer compartido formaron parte dunha proposta variada e adaptada ás diferentes idades.
Desde o Concello destacaron o labor dos monitores e monitoras, así como a implicación das familias, subliñando que “sen o esforzo conxunto de todas as persoas implicadas non sería posible manter un espazo de conciliación cheo de ilusión, creatividade e bos momentos”.
O programa Concilia Nadal permitiu ás familias compatibilizar as súas obrigas laborais e persoais coa tranquilidade de saber que as súas fillas e fillos contaban cun entorno seguro, dinámico e enriquecedor.
Con esta edición, o Concello de Cervo reafirma o seu compromiso co apoio ás familias e coa conciliación, apostando por recursos útiles e estables que tamén se desenvolven en épocas como a Semana Santa ou o verán, e que cada ano rexistran unha elevada participación.