Cervo pecha con éxito unha nova edición de Arruguiñas, o programa de envellecemento activo para maiores de 60

AMariñaXa
Máis de 130 participantes recibiron os seus diplomas nun emotivo acto celebrado na Casa do Mar de San Cibrao
Cervo-foto-clausura-arruguinas-2025
13 Jun 2025

O Concello de Cervo celebrou este venres a clausura do programa de envellecemento activo Arruguiñas, unha iniciativa que ao longo do último curso implicou a máis de 130 persoas maiores de 60 anos. A Casa do Mar de San Cibrao foi o escenario dun encontro marcado pola emoción e o recoñecemento, no que a alcaldesa, Dolores García Caramés, fixo entrega dos diplomas a todas as persoas participantes.

Arruguiñas naceu como unha proposta integradora e totalmente gratuíta, deseñada para mellorar a calidade de vida das persoas maiores a través dun estilo de vida máis activo e participativo. O programa promoveu actividades destinadas ao benestar físico, mental e social, consolidándose como un punto de encontro fundamental para o colectivo sénior do municipio.

Entre as propostas desenvolvidas destacaron Móvete, centrada na práctica de exercicio físico adaptado; Actívate, con obradoiros para aprender novas tecnoloxías ou mellorar habilidades manuais; ou os talleres de memoria e lingua de signos, pensados para manter vivas as capacidades cognitivas e comunicativas.

Tamén tiveron un papel destacado os talleres terapéuticos en colaboración coa Asociación Saúde Mental A Mariña, que fomentaron a convivencia e o intercambio de experiencias con persoas que padecen trastornos mentais. Por outra banda, o ciclo “Charlando” ofreceu faladoiros ao longo do ano sobre temas de interese para a terceira idade.

Durante o acto, a rexedora agradeceu o traballo dos monitores e destacou “a implicación e entusiasmo” das persoas maiores participantes. “Este programa demostra que a nosa xente maior ten gañas de seguir aprendendo, compartindo e participando activamente na vida do concello”, sinalou García Caramés, quen reafirmou o compromiso do equipo de goberno de seguir apostando por esta iniciativa nos vindeiros anos.

⚙ Configurar cookies
0.10361909866333