Cervo pecha a tempada de cursos na piscina olímpica cun balance de 300 participantes

AMariñaXa
O Concello celebra o remate das actividades con entrega de diplomas e destaca o crecemento constante do número de usuarios
Cervo-clausura-cursos-piscina-2025
30 May 2025

O Concello de Cervo clausura esta semana unha nova edición dos cursos da piscina olímpica municipal, tanto na modalidade infantil como na destinada a persoas adultas. A alcaldesa, Dolores García Caramés, participou no acto de entrega de diplomas e aproveitou para facer un balance moi positivo da tempada.

“Durante todo o curso, desde outubro, participaron arredor de 300 persoas nos distintos grupos, entre nenos e adultos”, indicou a rexedora, quen aproveitou para felicitar o alumnado polo compromiso e a evolución demostrada ao longo dos meses. Caramés destacou o esforzo e a constancia de todos os participantes, así como o labor do equipo técnico da instalación.

No caso dos máis pequenos, establecéronse dúas etapas formativas diferenciadas para poder atender a elevada demanda existente: unha primeira entre outubro e febreiro, e unha segunda entre febreiro e maio. Deste xeito, un total de 163 nenos e nenas, de idades comprendidas entre os 3 e os 11 anos, recibiron clases adaptadas aos seus niveis e necesidades específicas.

No tocante ao público adulto, 137 persoas participaron nas sesións de aquagym e de natación, tamén distribuídas segundo o nivel de habilidade. Estas actividades tiveron unha moi boa acollida entre a veciñanza, converténdose nunha das propostas deportivas máis valoradas polos usuarios da piscina.

A alcaldesa subliñou tamén que o número de socios e socias da instalación continúa en aumento, superando xa as 800 persoas. “É unha alegría comprobar como esta infraestrutura se consolida como un espazo de saúde, benestar e aprendizaxe para todas as idades”, declarou Caramés.

Ademais, quixo agradecer especialmente ao equipo de monitores e monitoras a súa implicación, profesionalidade e capacidade para adaptarse ás características e necesidades de cada grupo. “Grazas ao seu traballo, conseguimos ofrecer unha experiencia formativa e deportiva de calidade”, concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.16659688949585