Cervo ofrece formación gratuíta en monitorado de tempo libre para mellorar a empregabilidade da mocidade

AMariñaXa
O curso, enmarcado no programa Avívate en Cervo VIII, está dirixido a maiores de 18 anos e combina teoría e prácticas obrigatorias
concello-de-cervo-edificio-1
8 Jun 2025

O Concello de Cervo vén de poñer en marcha unha nova edición do curso de monitorado de tempo libre, unha proposta formativa dirixida a mozos e mozas maiores de 18 anos, que se inscribe no programa “Avívate en Cervo VIII”. A iniciativa busca ofrecer ferramentas prácticas e útiles para mellorar a inserción laboral da mocidade no ámbito do lecer educativo.

Segundo destacou a alcaldesa Dolores García Caramés, trátase dunha formación que nas anteriores edicións contou cunha excelente acollida, o que levou ao Concello a manter a súa aposta por este tipo de propostas. “Queremos seguir ofrecendo oportunidades que lles permitan gañar confianza, motivación e habilidades clave para o seu futuro laboral, sobre todo nun contexto cada vez máis competitivo”, explicou a rexedora.

O curso será completamente gratuíto, terá unha duración que abranguerá do 1 de xullo ao 13 de agosto e contará cun número limitado de prazas. Será impartido por profesionais acreditados e ofrecerá unha titulación oficial homologada. A formación combinará sesións teóricas con prácticas obrigatorias, segundo o establecido pola normativa vixente.

A alcaldesa tamén animou á mocidade a inscribirse: “É unha oportunidade para aprender, medrar persoal e profesionalmente e compartir experiencias nun ambiente participativo e enriquecedor”.

As persoas interesadas poden anotarse na Casa da Cultura de Cervo ata o 23 de xuño. O Concello lembra que as prazas son limitadas e cubriranse por orde de inscrición.

⚙ Configurar cookies
0.074194192886353