Cervo moderniza o ximnasio municipal con un novo sistema de ventilación máis eficiente

O Concello de Cervo vén de poñer en marcha o novo sistema de ventilación do ximnasio municipal situado no complexo da Piscina de Lieiro, unha intervención que supón un salto cualitativo no benestar das persoas usuarias. A mellora permitirá unha renovación constante do aire e unha regulación máis eficiente da temperatura, favorecendo unha práctica deportiva máis cómoda e segura.
A alcaldesa, Dolores García Caramés, achegouse ás instalacións acompañada dos concelleiros Adrián Arias e Alfredo Fernández para comprobar o resultado dos traballos, xa plenamente en funcionamento. Durante a visita, Caramés explicou que o novo sistema “crea un ambiente moito máis agradable, ao garantir a circulación continua do aire e a súa refrescante renovación, cumprindo estritamente coa normativa vixente”.
A rexedora salientou tamén que esta actuación non só mellora o confort, senón que incide nun consumo enerxético máis racional. Segundo apuntou, este equipamento “favorece un aforro importante e contribúe a un modelo de xestión municipal máis sostible”.
Caramés insistiu en que este tipo de investimentos “reafirman o compromiso do Concello con infraestruturas deportivas modernas, eficientes e pensadas para ofrecer servizos de calidade á veciñanza”.
A intervención contou cun investimento superior aos 23.000 euros, financiado a través do Fondo de Compensación Ambiental da Xunta de Galicia.