Cervo mellora o ximnasio municipal cun novo sistema de ventilación máis eficiente e sostible

O Concello de Cervo está a executar a instalación dun moderno sistema de ventilación no ximnasio municipal situado nas dependencias da piscina de Lieiro, unha actuación pensada para mellorar o confort térmico e ambiental deste espazo deportivo.
O proxecto, que conta cun investimento superior aos 23.000 euros, está financiado a través do Fondo de Compensación Ambiental da Xunta de Galicia e forma parte dun plan de modernización das instalacións públicas municipais que busca avanzar cara a modelos máis sostibles e eficientes.
O novo equipamento está baseado nun sistema de ventilación con recuperador de calor de fluxo cruzado, que aproveita a enerxía do aire interior quente para temperar o aire exterior que entra no recinto. Con esta tecnoloxía conséguese un importante aforro enerxético, xa que se evita quentar o aire desde cero. Ademais, o sistema incorpora unha comporta de BYPASS, que permite refrescar o espazo de forma natural cando as condicións exteriores son axeitadas, sen necesidade de consumir enerxía adicional.
Segundo explicaron desde o Concello, o deseño do sistema tivo en conta o grao de uso e a ocupación de cada estancia, co obxectivo de optimizar o rendemento e garantir unha climatización eficiente sen precisar equipos de refrixeración convencionais.
A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, visitou o ximnasio para coñecer de preto o avance dos traballos e destacou que esta actuación “forma parte dun compromiso continuo coa mellora dos servizos públicos e coa sustentabilidade enerxética”. Engadiu que proxectos como este “permiten ofrecer espazos máis confortables e saudables á veciñanza, reducindo á vez o impacto ambiental”.