Cervo mellora a mobilidade peonil no polígono industrial de Cuíña

AMariñaXa
A actuación supón un investimento superior aos 155.000 euros financiados a través da liña de subvencións para a mellora de parques empresariais da Xunta de Galicia
obras-mellora-poligono-cervo
16 Oct 2025

O Concello de Cervo está a executar as obras de mellora e acondicionamento dos accesos ao Polígono Industrial de Cuíña, no núcleo de San Ciprián, cun investimento total que supera os 155.000 euros -157.687,67 euros concretamente-, financiados a través da liña de subvencións para a mellora de parques empresariais da Xunta de Galicia.

A actuación abrangue unha superficie aproximada de 2.620 m² e céntrase no acondicionamento e mellora da zona de acceso e tránsito peonil do polígono.

Os traballos consisten, así pois, na execución de novas beirarrúas e pavimento para tráfico peonil, canalizacións soterradas para futuros servizos de alumeado público, así como na execución dun tramo de saneamento de augas residuais. Tamén se inclúe a demolición de pavimentos deteriorados, a colocación de rigolas e bordillos de formigón, ou o asfaltado das zonas anexas ás novas beirarrúas; todo iso na zona de principal acceso ao parque empresarial, tanto na marxe dereita como esquerda.

En cifras, os traballos contemplan 762,09 m² de pavimento empedrado para peóns e 1.856 m² de zona aglomerada para tráfico rodado.

A alcaldesa, Dolores García Caramés, achegouse ata o Polígono para supervisar as obras cuxo obxectivo principal é o mellorar a accesibilidade e humanizar os espazos públicos, garantindo un entorno máis seguro e funcional para peóns e vehículos. Ademais, permitirán incrementar a superficie destinada ao uso peonil sen reducir o ancho actual da calzada, creando unha escena urbana máis ordenada”.

Estas melloras –engadiu a rexedora- “son fundamentais para reforzar a mobilidade peonil e a imaxe do noso polígono industrial, ofrecendo un acceso máis cómodo e seguro tanto para as persoas traballadoras como para o tránsito diario”.

Este proxecto forma parte da aposta do Concello de Cervo coa modernización e dinamización do parque empresarial, co obxectivo de seguir impulsando o desenvolvemento económico local e mellorar os servizos ás empresas instaladas.

É evidente pois o compromiso do Concello de Cervo co Polígono Industrial de Cuíña, no que segue a investir para mellorar accesos, mobilidade e servizos. Mentres tanto, a administración local continúa á espera de que a Deputación Provincial de Lugo reactive a execución do enlace directo coa N-642, unha infraestrutura esencial para o desenvolvemento económico do municipio e que permanece paralizada desde o ano 2007. O Concello agarda que esta actuación poida retomarse canto antes para completar a conexión viaria e garantir un acceso seguro e eficiente ao parque empresarial.

⚙ Configurar cookies
0.070000886917114