Cervo mellora a contorna dos antigos fornos de fundición de Sargadelos

O Concello de Cervo segue a reforzar a súa aposta pola conservación e posta en valor do Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos a través dunha nova actuación que mellora a accesibilidade e pon en valor a zona de esparcemento, un espazo clave pola súa beleza natural e o seu valor cultural e turístico.
As obras, en concreto, abranguen o acondicionamento e axardinamento do terreo da contorna dos antigos fornos de fundición favorecendo que poidan visitarse, e converterse así nun novo recurso turístico, incidindo sempre na integración paisaxística. Ademais a zona tamén se dotará de novo mobiliario —mesas, bancos e asadores de granito— pensado para o desfrute de veciños e visitantes.
Ademais, o proxecto contempla a creación dun itinerario accesible ou a instalación dun espazo específico para bicicletas, favorecendo unha mobilidade máis sostible e segura. Tamén se executan canalizacións e arquetas para unha futura iluminación ornamental que realzará os elementos arquitectónicos e o valor patrimonial de todo o conxunto.
Esta intervención, financiada pola Axencia de Turismo de Galicia cun investimento próximo aos 50.000 euros, forma parte do programa de mellora de infraestruturas turísticas nos concellos de ata 10.000 habitantes, e supón un paso máis na aposta do Concello pola recuperación e revitalización deste enclave tan emblemático, situado no corazón de Cervo.
A alcaldesa, Dolores García Caramés, e a edil de Medio Ambiente, Mali Méndez supervisaron os traballos e destacaron que esta nova actuación “contribúe a facer de Sargadelos un espazo máis atractivo, accesible e sostible, reforzando o seu papel como un dos principais reclamos turísticos, culturais e patrimoniais do municipio e consolidándoo como punto de encontro e de referencia cultural para veciños e visitantes”.