Cervo mellora a accesibilidade en San Cibrao a través da reorganización do mobiliario urbano

AMariñaXa
Son actuacións encamiñadas a dar cumprimento á normativa vixente en accesibilidade e que responden á demanda veciñal para mellorar a mobilidade peonil
accesibilidade-e-mobilidade-reducida-cervo
25 Oct 2025

O Concello de Cervo está a realizar estes días diversas actuacións no centro de San Cibrao para mellorar a accesibilidade e facilitar a libre circulación das persoas con mobilidade reducida.

A rexedora, Dolores García Caramés, xunto á concelleira Mali Méndez, supervisou os traballos, que se centran na recolocación de bancos e outros elementos que reducían o espazo dispoñible nas beirarrúas. O obxectivo é garantir que veciños e visitantes, especialmente persoas con mobilidade reducida poidan desprazarse con maior comodidade e seguridade.

A alcaldesa subliñou que estas actuacións se realizan tanto cumprindo a normativa vixente en materia de accesibilidade como atendendo á demanda veciñal. “Seguimos traballando para facer de San Ciprián e de todo o municipio un lugar máis inclusivo, no que a accesibilidade sexa unha prioridade. Pequenas intervencións coma esta teñen un gran impacto na calidade de vida das persoas”, destacou.

O Concello tamén estudou novas localizacións para recolocar parte do mobiliario retirado, garantindo que siga ofrecendo servizo sen interferir na mobilidade.

Tamén se está a reorganizar o mobiliario ornamental e parte dos maceteiros existentes reocolocaranse agora en espazos que non interfiran na mobilidade e incorporaranse novos maceteiros colgantes, que permitirán manter a presenza de elementos vexetais na rúa sen reducir o ancho útil das beirarrúas e sen obstaculizar o tránsito peonil.

Esta iniciativa enmárcase no compromiso do goberno local coa mellora continua da accesibilidade urbana, que se analizará e estenderá progresivamente a diferentes zonas de todo o termo municipal.

⚙ Configurar cookies
0.16141390800476