Cervo lanza Actívate en Xuño con actividades gratuítas para toda a veciñanza

O Concello de Cervo vén de poñer en marcha o programa Actívate en Xuño, unha iniciativa que permitirá á veciñanza participar, de balde, en diversas actividades físicas durante todo o mes, tanto na capitalidade municipal como en San Cibrao.
A alcaldesa Dolores García Caramés, acompañada das monitoras Belinda Canoura e Nuria Torrado, presentou a proposta subliñando que se trata "dunhas xornadas de portas abertas coas que queremos achegar á poboación as nosas escolas deportivas municipais". Segundo explicou a rexedora, estas escolas, que veñen de pechar o curso cunha participación récord, queren seguir activas e abertas a novos públicos neste mes de xuño.
O obxectivo da campaña é fomentar os hábitos saudables e o exercicio físico como parte esencial do benestar persoal e colectivo, abrindo as portas a quen nunca participou e ofrecendo continuidade aos que xa forman parte da comunidade deportiva local. García Caramés sinalou que “non hai límite de idade para coidarse, e desde o Concello queremos promover un estilo de vida activo accesible para todas e todos”.
No calendario de actividades incluíuse ioga en Cervo e tamén en San Cibrao, onde se sumarán sesións de pilates e corpo activo. Todas as sesións serán gratuítas e sen inscrición previa, bastará con presentarse no lugar e hora indicados. As clases desenvolveranse entre o Edificio dos Xulgados e a Casa do Mar, segundo o día e a actividade.
Dende o Concello animan á veciñanza a sumarse a esta proposta, que busca consolidarse como unha ponte entre o curso que remata e o verán, combinando saúde, comunidade e actividade física nun ambiente distendido.