Cervo lanza a décimo quinta edición do concurso fotográfico “Respecta 2025” para visibilizar a natureza galega

O Concello de Cervo, a través da súa área de Medio Ambiente, vén de anunciar a convocatoria da XV edición do concurso fotográfico ambiental “Cervo Respecta 2025”. Esta iniciativa, xa consolidada no calendario local, pretende fomentar a reflexión ecolóxica mediante a fotografía e promover unha ollada consciente sobre o entorno natural.
Os participantes poderán enviar ata dúas instantáneas orixinais e non publicadas anteriormente, cunha temática centrada no medio ambiente. As imaxes deben ser tomadas en calquera punto do territorio galego e terán que representar a natureza viva, mostrando exemplos positivos de conservación e respecto pola contorna.
As fotografías deberán remitirse en formato dixital JPEG, con alta calidade e unha resolución mínima de 2.048 píxeles, sen límite de tamaño en megabytes. As propostas deberán enviarse por correo electrónico ao enderezo: medioambiente@concellodecervo.com. O prazo de presentación estará aberto ata o 23 de maio.
Establécense tres galardóns: un primeiro premio, un segundo premio e o recoñecemento “Top Cervo”, destinado á mellor imaxe na que se identifique claramente algún recuncho do propio municipio. Os tres premiados recibirán como recompensa figuras de cerámica de Sargadelos, un símbolo distintivo da cultura local.
O veredicto do xurado, composto por tres persoas especializadas no ámbito da fotografía e o medio ambiente, farase público o 5 de xuño, coincidindo coa celebración do Día Mundial do Medio Ambiente.
A presentación oficial do certame contou coa participación da concelleira de Medio Ambiente, Mali Méndez, e do edil de Zona Rural, quen aproveitaron para animar a toda a cidadanía a participar. Destacaron que este concurso é “unha chamada á reflexión que invita a capturar imaxes que transmitan respecto, beleza e tamén os desafíos que encara o noso medio ambiente”.
Ademais, subliñaron que esta proposta permite coñecer a ollada única dos participantes e descubrir espazos ou situacións singulares que enriquecen cada edición. “Este proxecto naceu co obxectivo de poñer en valor o noso patrimonio natural e contribuír á creación dunha sociedade máis consciente e comprometida coa protección do seu entorno”, engadiron.
A imaxe promocional desta edición é a fotografía “Cea ao Atardecer”, de Anxo Cao, gañadora do primeiro premio en 2024.