Cervo lanza a campaña “Coida Cervo” con accións ambientais durante todo o mes de xuño

AMariñaXa
Limpezas de praias e ríos, actividades escolares e campañas de reciclaxe centran a programación do Mes do Medio Ambiente
Cervo-Medio-AMbiente-2025-campana
7 Jun 2025

O Concello de Cervo vén de poñer en marcha unha intensa campaña de concienciación ecolóxica baixo o lema “Coida Cervo”, aproveitando a celebración do Mes do Medio Ambiente. A iniciativa, que se estenderá ao longo de todo o mes de xuño, inclúe un variado programa de accións enfocadas á protección e posta en valor do patrimonio natural do municipio, coa colaboración activa de asociacións, centros educativos e veciñanza.

Un dos eixos principais da campaña serán as xornadas de limpeza de praias e ríos, organizadas en colaboración con distintas entidades locais. A primeira destas actividades tivo lugar o xoves 5 de xuño, coincidindo co Día Mundial do Medio Ambiente, na Praia de Cubelas. Nela participaron a alcaldesa Dolores García Caramés, a concelleira de Medio Ambiente, Mali Méndez, e as asociacións Breoñáns, A Rebolaxe e Mistura, que colaboraron na organización.

A seguinte intervención está prevista para o luns 9 de xuño ás 17:00 horas, na Praia do Torno, onde se contará coa colaboración das ANPAS do CEIP Península da Paz e do IES Marqués de Sargadelos. Tamén se levarán a cabo accións de limpeza e sensibilización noutros puntos naturais como o Río Xunco, a Praia da Caosa ou a Praia da Limosa durante as vindeiras semanas.

Ademais, o xoves 26 de xuño, entre as 10:00 e as 14:00 horas, desenvolverase na Praza dos Campos a campaña informativa “Separa. Depende de ti”, en colaboración coa empresa pública SOGAMA, orientada a fomentar a correcta separación e xestión dos residuos domésticos.

A programación de “Coida Cervo” inclúe tamén propostas didácticas, como unha actividade nos centros escolares dirixida á concienciación ambiental do alumnado, así como o fallo do concurso de fotografía “Cervo Respecta”, no que se puxo o foco no respecto á natureza como tema principal.

A rexedora, Dolores García Caramés, subliñou que “desde o Concello apostamos por un modelo de desenvolvemento sostible no que o coidado do noso entorno sexa unha prioridade compartida entre administración, colectivos e cidadanía”. “‘Coida Cervo’ é unha chamada á acción colectiva e á responsabilidade individual”, engadiu, agradecendo “a implicación de todas as asociacións, centros educativos e persoas voluntarias que fan posible esta campaña”.

Desde o goberno local fan un chamamento á veciñanza para que participe activamente nestas xornadas, contribuíndo á preservación dos espazos naturais do municipio e reforzando os valores do respecto polo medio ambiente.

⚙ Configurar cookies
0.18494606018066