Cervo investirá en diferentes actuacións de saneamento e abastecemento de auga
O Concello de Cervo investirá nos vindeiros meses preto de 400.000 euros -397.399,16 euros concretamente- en diferentes actuacións de saneamento e abastecemento de auga que se executarán nas diferentes parroquias.
As obras serán asumidas integramente con fondos propios froito do remanente de tesourería que presentan as arcas municipais –tal e como explica o rexedor, Alfonso Villares- quen puxo de manifesto “a importancia dunha xestión seria e responsable dos cartos públicos para poder dar resposta ás necesidades que se presentan no día a día das nosas parroquias, da nosa veciñanza”.
A filosofía doequipo de goberno para por ir dotando pois ao rural –apunta- de servizos que o fagan atractivo para vivir, para o asentamento de nova poboación, de novas familias.
Por este motivo "entendemos prioritarias as diferentes actuación que imos executar con estes fondos públicos. A maioría delas son esas obras que van soterradas, que non se ven, pero que son fundamentais para o benestar da veciñanza", din dende o Concello.
As actuación que se levarán a cabo os vindeiros meses a cargo do Remanente de tesourería son na rede de saneamento e pavimentación de viais nos lugares de Alleira e o Cal, en San Román por un importe de 77.355,45 euros; a renovación de redes de abastecemento de auga potable desde a ponte do Río Xunco ata a estrada do Vilar e dende a Fonte Santa ata o cruce da Ponte do Rego, en Sargadelos por un importe de 48.169,83 euros, a substitución da rede de saneamento na Ponte de Lieiro, en San Ciprián; por un importe de 47.651,37 euros.
Tamén se mellorarán as redes de abastecemento de auga potable, saneamento, depuración e pavimentación de diferentes vías no lugar de Vilaestrofe, en San Román, por un importe de 127.667,41 euros, a substitución de redes de saneamento e abastecemento de auga na Avenida da Mariña, desde o cruce da Rúa da Cruz ata o cruce da Rúa Bellavista e Rúa da Veiga, por un importe de 48.368,14 euros e o mantemento e mellora do depósito de auga potable da ETAP de Rúa, por un importe de 48.187,16 euros.