Cervo inuaugurou a Sala Cultural Xosé Vizoso no conxunto artístico de Sargadelos

AMariñaXa
Rendeuse homenaxe ao recoñecido artista e ilustrador recentemente falecido, cuxa traxectoria e legado artístico permanecen intimamente ligados á identidade e á cultura cervense
inauguracion-sala-xose-vizoso-sargadelos
21 Oct 2025

O Concello de Cervo e a asociación Airiños do Xunco celebraron este sábado o acto de inauguración da Sala Cultural Xosé Vizoso, situada no Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos, un emotivo evento co que se rendeu homenaxe ao recoñecido artista e ilustrador recentemente falecido, cuxa traxectoria e legado artístico permanecen intimamente ligados á identidade e á cultura cervense.

A antiga Sala das Carboeiras pasa así a levar o nome de Xosé Vizoso, nun xesto de profundo agradecemento e recoñecemento á súa inmensa contribución á cultura cervense.

O acto contou coa presenza da alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, da concelleira Mali Méndez, dos edís Alfredo Fernández e Adrián Arias, de representantes da asociación Airiños do Xunco, do alcalde de Mondoñedo, Manuel Ángel Otero –terra natal do artista-, así como de numerosos veciños, familiares e amigos que quixeron sumarse a este emotivo tributo do que tamén foron testemuñas moi importantes os seus fillos Dani e Pepe, que recibiron as mostras de cariño e admiración do público nunha tarde cargada de emoción e lembranzas.

Durante a súa intervención, a rexedora destacou que “con este nomeamento queremos perpetuar a pegada de Xosé Vizoso, unha figura que fixo de Cervo a súa inspiración constante. A súa creatividade, xenerosidade e compromiso coa cultura deixaron unha fonda marca no noso municipio. Esta sala, que agora leva o seu nome, será un espazo vivo onde a arte e o coñecemento seguirán florecendo, mantendo presente o seu espírito”.

A alcaldesa aproveitou tamén para agradecer a complicidade e apoio da familia de Vizoso, así como á asociación Airiños do Xunco, impulsora da iniciativa, e a todas as persoas e entidades que colaboraron para facer posible este recoñecemento. “Cervo amosa así o seu cariño e orgullo por un dos seus grandes referentes culturais e quixo agradecer a todos/as os que se achegaron a compartir este momento de lembranza e celebración da súa vida e obra”.

A velada estivo amenizada polo grupo de Cantareiras Cordenaia, de Airiños do Xunco, que puxo a banda sonora á emoción colectiva nesta xornada tan especial.

O acto serviu ademais para inaugurar a exposición dos carteis da Queimada Popular de Cervo, deseñados por Vizoso ao longo de case medio século. A mostra, organizada por Airiños do Xunco, ofrece un percorrido visual pola evolución da icónica celebración, declarada de Interese Turístico Galego, e pola creatividade do artista que a acompañou durante décadas.

A Sala Cultural Xosé Vizoso, recentemente renovada, preséntase como un espazo multidisciplinar destinado a acoller exposicións, conferencias, proxeccións e diversas actividades artísticas e culturais, consolidándose como un novo punto de encontro para a creación e a inspiración no municipio.

⚙ Configurar cookies
0.30696511268616