Cervo instala dúas carpas para acoller os eventos culturais dos meses de inverno
O Concello de Cervo instala unha carpa na Praza do Souto e outra na Praza dos Campos para acoller os eventos culturais dos meses de novembro, decembro e xaneiro.
Para esta fin de semana as carpas acollerán a programación pertencente ao Samaín 2021, que mañá sábado contará cun contacontos na Praza do Souto ás 12:30H e unha Festa infantil de Samaín na Praza dos Campos de 17H a 20H. Ademais, para hoxe hai sesión de cine na Casa da Cultura ás 20:00H coa película “Monster House”; e o domingo temos de novo sesión de cine na Casa da Cultura ás 20:30H co filme “La purga: la noche de las bestias” e a festa de Samaín 2021 na Sala de Exposicións do Complexo Histórico-Artístico de Sargadelos de 17:30H a 21H a cargo da Asociación A Fervenza de Sargadelos.
Durante os meses de novembro, decembro e xaneiro as carpas serán o lugar das actuacións pertencentes aos ciclos musicais “A Caixa de Música”, que está dedicado a bandas e grupos de música clásica; e “O Son do Nordeste”, que encherá Cervo unha gran diversidade de grupos con diferentes estilos musicais, ademais do resto de eventos culturais que celebren ao aire libre.
Segundo Alfonso Villares “desde o Concello de Cervo apostamos polos eventos culturais ao longo de todo o ano. Por iso decidimos instalar estas dúas carpas, tanto na Praza do Souto como na Praza dos Campos, que permiten tanto á veciñanza como aos visitantes gozar da nosa programación aínda que as condicións climatolóxicas non sexan favorables”.
Para a concelleira de cultura Dolores García Caramés “o Concello de Cervo goza dunha programación cultural variada e diversa” e apunta que “as carpas facilitarán a celebración dos eventos culturais ao aire libre durante os meses de novembro, decembro e xaneiro, nos que están programados, por exemplo, varios concertos pertencentes aos ciclos de “A Caixa de Música” e “O Son do Nordeste”.