Cervo inicia un novo obradoiro de memoria
O Concello de Cervo inicia un novo curso do taller de memoria que programa cada ano a delegación de Servizos Sociais, e que imparte polos locais das diferentes parroquias do municipio a técnica deste departamento, Elisabet Peña.
Comeza un novo curso no que, fundamentalmente, se traballan técnicas e estratexias co fin de fortalecer e rehabilitar a atención, a orientación, a memoria, o razonamento, a linguaxe, o cálculo, a psicomotricidade e as funcións cognitivas en xeral.
Sinala o rexedor Alfonso Villares que “é unha actividade máis que consolidada dentro da programación lúdico-cultural que deseñamos para os nosos maiores; tentando ofrecerlles todas as ferramentas que están ao noso alcance para estimular e dinamizar o seu día a día, ao tempo que traballan e exercitan esa facultade tan importante que temos, como é a memoria; contribuíndo a mellorar o seu estado de ánimo, a súa autoestima, fomentando as relación sociais…; en definitiva, tentando mellorar a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas”.
As datas e os horarios do curso séguense mantendo como os anos anteriores. Os interesados e interesadas pódense apuntar na Casa da Cultura de San Ciprián ou no número de teléfono 982 595 157.
Villares e Pilar Armada, delegada de Servicios Sociais, animan a todos eses veciños que aínda non participan no taller de memoria a que se sumen á actividade que é moi positiva en todos os aspectos.