Cervo incorpora unha nova pantalla dixital con datos ambientais e meteorolóxicos en tempo real

O Concello de Cervo acaba de poñer en funcionamento unha nova pantalla dixital de información ambiental e meteorolóxica na rúa Beiramar, xunto á Praza dos Campos, no corazón de San Ciprián. Trátase dun dispositivo de última xeración que ofrece datos en tempo real, específicos para o entorno costeiro, e que foi instalado grazas á colaboración entre a Xunta de Galicia e Meteogalicia, a petición expresa do goberno local.
O panel proporciona información moi útil para residentes e visitantes, especialmente no verán, cando se incrementa a actividade ao aire libre. Así, amosa non só as previsións do tempo convencionais, senón tamén detalles como a temperatura da auga, o estado do mar, o movemento das mareas ou a altura das ondas. Ademais, inclúe alertas ante fenómenos meteorolóxicos adversos e indicadores sobre a calidade do aire, contribuíndo á sensibilización ambiental e á prevención de riscos.
A información que ofrece esta nova ferramenta está elaborada por Meteogalicia e varía segundo a época do ano e as condicións locais. A alcaldesa de Cervo quixo agradecer á Xunta a súa implicación e destacou que “se trata dunha ferramenta útil, tanto para os veciños como para os visitantes, que ofrece información ambiental fiable e en tempo real, reforzando a seguridade e a planificación das actividades ao aire libre na nosa contorna”.
O proxecto forma parte dunha estratexia máis ampla de dixitalización e mellora da información pública, orientada a facer de San Ciprián un destino máis seguro, informado e sostible.