Cervo inaugura a exposición “Baleas a Flote: Arte en Madeira e Mar”

AMariñaXa
A Casa da Cultura de San Cibrao acolle desde hoxe unha mostra que combina arte, historia e conciencia ambiental
exposición-Baleas-a-Flote--Arte-en-Madeira-e-Mar
1 Apr 2026

O Concello de Cervo convértese hoxe, mércores 1 de abril, no epicentro dunha iniciativa cultural de gran singularidade coa inauguración da exposición “Baleas a Flote: Arte en Madeira e Mar”, do artista Francisco Martínez-Pin. O acto terá lugar ás 13:30 horas na Casa da Cultura de San Cibrao e estará aberto ao público, marcando o inicio dun proxecto que vai máis aló da simple exhibición para transformarse nunha viaxe pola historia, a arte e a defensa do medio mariño.

“Baleas a Flote” forma parte do proxecto “Tornaviaxe polo Cantábrico”, que realiza un percorrido simbólico polos antigos portos baleeiros, conectando Galicia co País Vasco francés e recuperando a memoria colectiva das vilas mariñeiras, ao tempo que poñen o pasado en diálogo co presente mediante a creación contemporánea.

A mostra reúne esculturas realizadas con madeira e aceiro recuperados do medio natural, moitos deles procedentes do litoral galego. Este enfoque creativo, baseado na reutilización e reinterpretación de materiais marcados polo tempo e polo mar, confire ao traballo de Martínez-Pin unha dimensión ecolóxica e de compromiso co entorno. Cada obra xorde dun proceso de escoita e respecto pola materia, permitindo que sexa o propio material quen conte a súa historia, producindo esculturas de gran forza simbólica que evocan a maxestosidade dos cetáceos e denuncian a pegada da actividade humana, especialmente a contaminación por plásticos.

Entre as pezas destacadas atópanse Leviatán Mariñá, Cachalote Verniano ou Cargueiro de eucalipto de batea, exemplos dunha proposta que combina estética, emoción e mensaxe social, convidando á reflexión sobre a protección do patrimonio natural.

A dimensión pedagóxica do proxecto completarase hoxe cun obradoiro creativo dirixido ás crianzas no marco do programa municipal Cervo Concilia, permitindo aos máis novos achegarse á arte mediante materiais reciclados e fomentando valores como a creatividade, o respecto polo medio ambiente e a sustentabilidade desde idades temperás.

A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, destacou que “esta exposición sitúa a Cervo como punto de partida dun proxecto cultural de grande alcance, que combina arte, historia e unha mensaxe ambiental moi necesaria nos nosos días”. Subliñou tamén que “o compromiso ecolóxico que transmite ‘Baleas a Flote’ encaixa plenamente coa aposta do noso Concello pola sensibilización e a protección do entorno natural, ao tempo que achega unha proposta cultural innovadora e de calidade á veciñanza”.

A mostra poderá visitarse durante todo o mes na Casa da Cultura de San Cibrao, ofrecendo á cidadanía a oportunidade de contemplar e reflexionar sobre a creación artística, a historia mariñeira e a conservación do ecosistema, facendo da arte unha ferramenta de sensibilización e compromiso co futuro do mar.

0.11833190917969