Cervo impulsa unha nova edición do programa “Cervo Madruga” para favorecer a conciliación

AMariñaXa
A iniciativa, en colaboración coas ANPAS, será totalmente gratuíta e funcionará desde o inicio do curso escolar
cervo-madruga-2025
6 Jun 2025

O Concello de Cervo vén de anunciar a continuidade do programa “Cervo Madruga” para o curso 2025-2026, unha proposta deseñada para favorecer a conciliación da vida laboral e familiar das familias do municipio. Esta iniciativa, que se desenvolve en colaboración coas ANPAS dos centros educativos CEIP de Cervo e CEIP Península da Paz, manterase de balde tamén nesta nova convocatoria.

As familias interesadas poderán entregar as solicitudes nos centros escolares ata o 30 de xuño, mentres que as ANPAS recollerán peticións ata o día 20.

A alcaldesa Dolores García Caramés destacou que o programa naceu como resposta a unha demanda da comunidade educativa e que a súa implantación foi “moi ben acollida polas familias”. Sinalou tamén a importancia da cooperación coas ANPAS para adaptar o servizo ás necesidades específicas de cada colexio.

O programa, que comezará o 8 de setembro, permitirá ás familias elixir entre diferentes horarios de atención temperá: de 7:30 a 8:30 con almorzo; ou desde as 8:30 ata o inicio das clases (9:30 ou 9:35 segundo o centro).

A rexedora salientou que esta medida se complementará co programa municipal de conciliación previsto para o verán, que cobrirá toda a tempada de vacacións escolares en horario de mañá, de 8:30 a 14:30 horas.

⚙ Configurar cookies
0.16361498832703