Cervo impulsa novas bonificacións fiscais para facilitar o acceso á vivenda e atraer investimento ao polígono industrial

O Concello de Cervo levará ao pleno deste xoves unha proposta de modificación da ordenanza fiscal que regula o Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras (ICIO). A medida chega cun obxectivo claro: facilitar que máis persoas poidan acceder a unha vivenda no municipio e, ao mesmo tempo, reforzar o atractivo do Polígono Industrial de Cuiña para emprendedores e empresas que desexen instalarse ou expandirse nel.
A modificación inclúe unha bonificación do 50 % para as obras de nova construción destinadas a vivenda habitual, independentemente de que sexan promovidas por particulares que vaian residir nelas ou por promotores que teñan previsto poñelas no mercado. Trátase, segundo explica o goberno municipal, dunha ferramenta pensada para “aliviar custos e favorecer que asentarse en Cervo deixe de ser un obstáculo para moitas familias”.
Paralelamente, a proposta incorpora tamén unha bonificación do 50 % para actuacións no Polígono Industrial de Cuiña vinculadas á implantación, ampliación ou modernización de actividades industriais ou económicas. Esta redución aplicarase sempre que os proxectos sexan capaces de xerar emprego ou contribuír á dinamización económica local.
A alcaldesa, Dolores García Caramés, subliñou que esta iniciativa busca “estar ao lado das persoas que queren construír o seu proxecto de vida en Cervo, e tamén de quen aposta por emprender, innovar e crear oportunidades no noso polígono”. Para Caramés, trátase dunha aposta “por un municipio con máis futuro, máis estabilidade e máis posibilidades para quen quere vivir e traballar nel”.
O executivo municipal lembra así mesmo o compromiso continuo co desenvolvemento do Polígono Industrial de Cuiña, unha área estratéxica para a economía cervense. Con todo, insisten en que segue pendente a reactivación por parte da Deputación Provincial de Lugo do enlace directo coa N-642, unha infraestrutura considerada “esencial” para o crecemento industrial do municipio e que permanece sen avances desde 2007.
A bonificación anunciada terá unha vigencia inicial de dous anos e forma parte das políticas municipais orientadas a poñer ás persoas no centro, promover o acceso á vivenda e fortalecer o tecido produtivo. Para o goberno de Cervo, estas medidas contribúen a construír “un municipio máis activo, máis sostible e mellor preparado para afrontar os retos do futuro”.