Cervo impulsa a recuperación das antigas escolas da Venta con unha actuación de integración paisaxística

O Concello de Cervo está a desenvolver estes días unha actuación de mellora e integración paisaxística nas antigas escolas públicas da Venta, situadas en Gondrás, co obxectivo de recuperar este inmoble como punto de encontro para a veciñanza e reforzar o seu uso social.
A alcaldesa, Dolores García Caramés, visitou recentemente os traballos acompañada polo concelleiro Alfredo Fernández, o pedáneo Francisco Pinín e Abel Ordás, en representación do Club Medela MTB, entidade que utiliza actualmente estas instalacións municipais. Durante a visita, a rexedora destacou que esta intervención responde á liña de actuación do Concello orientada a rehabilitar edificios públicos emblemáticos e poñelos ao servizo da comunidade.
As obras céntranse na reparación integral das fachadas, que presentaban problemas de humidades e deterioro xeralizado. Os traballos inclúen o saneamento das superficies, a eliminación de desconchados e a corrección de danos derivados de antigas instalacións, empregando materiais respectuosos coa construción orixinal, como o morteiro de cal.
Ademais, está prevista a demolición dun engadido posterior á edificación inicial que xeraba un impacto visual negativo, co fin de recuperar a estética orixinal do conxunto e mellorar a súa integración na contorna.
A intervención complétase coa aplicación dunha nova capa de pintura mineral ao silicato, escollendo tonalidades acordes coa paisaxe, seguindo os criterios establecidos na Guía de Cor e Materiais de Galicia. De maneira paralela, tamén se actúa no edificio anexo para conseguir unha imaxe uniforme en todo o conxunto.
Este espazo está cedido ao Club Medela MTB, unha entidade deportiva local que desenvolve un importante labor formativo con nenos e nenas da zona, promovendo hábitos saudables e valores vinculados ao deporte e ao respecto polo medio natural. Neste sentido, o proxecto inclúe a adaptación dunha das estancias para facilitar o almacenamento de material e a realización de actividades no interior, o que permitirá ampliar o seu uso durante todo o ano.
A alcaldesa subliñou que este tipo de actuacións contribúen a mellorar a imaxe das parroquias e a consolidar espazos de referencia para a convivencia veciñal. O investimento total da obra ascende a 46.310 euros, financiados integramente con fondos municipais, nunha aposta pola conservación do patrimonio público e a dinamización social do territorio.