Cervo impulsa a educación emocional das crianzas co Taller de emocións de Enredando no Verán

O programa Enredando no Verán, posto en marcha polo Concello de Cervo, vén de estrear unha das súas actividades estrela, o Taller de emocións, unha proposta pensada para axudar ás crianzas a identificar, expresar e xestionar o que senten. A actividade celébrase todos os martes de 12.00 a 13.00 horas, nun espazo deseñado para fomentar a confianza e o benestar emocional.
A encargada de guiar estas sesións é Rosa, que conta cunha colaboración moi especial: Tila e Vilma, dúas cadelas que, coa súa tranquilidade e docilidade, axudan a crear un clima relaxado e seguro. A presenza dos animais está a ser clave para que as nenas e nenos participantes se sintan cómodos á hora de falar das súas emocións.
Desde o Concello destacan o éxito da iniciativa e animan a todas as familias interesadas a inscribirse, lembrando que aínda quedan prazas dispoñibles. As inscricións poden realizarse na Casa da Cultura, a través do correo electrónico casadacultura@concellodecervo.com ou chamando ao 982 595 157.