Cervo impulsa a creatividade xuvenil coa iniciativa “Techno ConCiencia”

O Concello de Cervo acollerá os días 22 e 23 de xullo unha proposta cultural diferente e vangardista baixo o nome de “Techno Con-Ciencia”, unha iniciativa liderada polo grupo xuvenil Fonte da Tella, en colaboración co propio Concello e co respaldo económico da Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia a través do programa Iniciativa Xove.
O proxecto, que terá como escenario o conxunto histórico de Sargadelos, ten como finalidade reivindicar a música electrónica como ferramenta educativa, espazo de convivencia e elemento dinamizador da identidade cultural da comarca. A programación mestura actividades formativas, exposicións artísticas e sesións musicais para crear unha experiencia completa arredor da creatividade xuvenil.
Durante a primeira xornada, o martes 22 de xullo, o protagonismo será para a tradición e a artesanía. A xornada comezará cun obradoiro de elaboración de pasta artesanal a cargo de A Morena, continuará cunha visita ao taller do ferreiro Telmo Cao e incluirá a inauguración dunha mostra fotográfica de María Simón, integrada no proxecto paralelo “Fotografía Musical7”. O ambiente estará amenizado polo colectivo Conxuro Móbil e o día pecharase cunha degustación de produtos locais.
O mércores 23 de xullo a proposta colle un cariz máis musical e gastronómico. A programación inclúe unha cata de marmeladas de A Morena, unha ruta de tapas no espazo A Sacabeira e varios encontros arredor da música electrónica con artistas da escena galega como Pablo Conxuro, Lucasito, Somiux ou Irene Castro. Haberá tamén sesións DJ a cargo de Conxuro Móbil e Kike Varela, e actuacións en directo xa de madrugada coas propostas innovadoras de Irene Castro, Lucasito e Somiux.
Os horarios detallados daranse a coñecer o día 21 a través das redes sociais do Concello de Cervo e das canles oficiais do proxecto.
A alcaldesa Dolores García Caramés quixo destacar o “ímpeto, compromiso e visión da mocidade organizadora”, que, segundo as súas palabras, “está a construír unha proposta cultural que mira ao futuro sen esquecer a identidade local”. Valorou tamén o papel da iniciativa como motor de participación, igualdade e creatividade, e convidou a toda a veciñanza e visitantes a sumarse á programación, que servirá como antesala perfecta para as tradicionais Festas de Sargadelos.
“Techno Con-Ciencia” aspira a ser moito máis que un evento: un punto de encontro interxeracional e diverso onde a innovación e a tradición camiñan da man.