Cervo habilita un novo aparcadoiro público en San Cibrao con 35 prazas dispoñibles

AMariñaXa
A infraestrutura, situada a carón do centro urbano, busca aliviar o tráfico na tempada estival e mellorar os servizos para veciñanza e turistas
San-Cibrao-novo-aparcadoiro-publico-2025
1 Aug 2025

O Concello de Cervo porá en funcionamento mañá un novo espazo de estacionamento público situado na Avenida da Mariña, en San Cibrao. A nova infraestrutura conta con 35 prazas e foi acondicionada para responder á crecente demanda de aparcadoiro, especialmente durante os meses de verán.

A alcaldesa, Dolores García Caramés, xunto co concelleiro Alfredo Fernández, achegouse nos últimos días ao lugar para supervisar os traballos finais. A intervención desenvolveuse sobre unha finca de 1.062 metros cadrados, escollida pola súa situación estratéxica, a escasos metros do núcleo urbano de San Cibrao.

A actuación centrouse na preparación do terreo con zahorra compactada, unha solución que garante tanto a comodidade como a resistencia da superficie para os vehículos. Desde o goberno local destacan que a proposta responde á necesidade de mellorar a mobilidade e facilitar o estacionamento, especialmente en épocas de alta afluencia.

Segundo explicou a rexedora cervense, esta nova dotación permitirá “despexar o centro da vila do tráfico excesivo e ofrecer máis comodidades tanto aos residentes como aos visitantes”. Caramés tamén salientou que a obra foi deseñada dende un enfoque respectuoso co medio ambiente, xa que se aproveitaron terreos dispoñibles sen ter que recorrer a novas urbanizacións nin grandes movementos de terra.

Con esta iniciativa, o Concello continúa apostando por solucións prácticas e sostibles para mellorar a calidade de vida na vila e garantir unha mellor experiencia para quen se achega a San Cibrao durante a tempada estival.

⚙ Configurar cookies
0.13393998146057