Cervo festexa medio século de cultura coa gran cea-baile de Airiños do Xunco

Cervo prepárase para unha noite chea de emocións o vindeiro 25 de outubro, cando a Asociación Cultural Airiños do Xunco celebre o seu 50 aniversario cunha gran cea-baile no local do Almacén. O evento reunirá a socios, veciños e amizades que, ao longo de cinco décadas, contribuíron a manter viva a tradición cultural do municipio.
O menú da cita inclúe langostinos, carne asada, sobremesa, café, chupito e bebida. Tras a cea, a festa continuará con música, baile e algunha sorpresa para os asistentes. A animación correrá a cargo de DJ Conxuro, que porá o ritmo a unha xornada chamada a converterse no colofón dun ano histórico para a entidade.
Desde a organización destacan que se trata dunha ocasión perfecta “para xuntarnos todos, quen pasou pola asociación nalgún momento e quen segue formando parte dela, porque Airiños do Xunco é sinónimo de comunidade”. A celebración está aberta tamén a quen queira sumarse e compartir esta data tan especial, reforzando o forte vínculo de Cervo coa súa vida cultural.
As entradas poden adquirirse na Pousada O Almacén ata o 19 de outubro, cun prezo de 35 euros para adultos e 20 euros para nenos e nenas ata 12 anos.