Cervo e Foz, seguintes paradas das rutas e visitas guiadas de outono da Mancomunidade da Mariña
Cervo e Foz serán as seguintes paradas das rutas e visitas guiadas de outono da Mancomunidade: A Mariña. Plans con Corazón os días 26 e 27 de outubro. Noela Feal será a encargada de guiar aos participantes a través da parroquia de Lieiro,
en Cervo, onde se unen o liño e o mar. Os asistentes coñecerán a relevancia histórica na produción de liño, a orixe do seu nome, así como o proceso completo da súa elaboración e achegaranse ata o Museo do Mar, onde profundarán nesta temática.
Xa o domingo Ana Pena guiará a visita Sabor a mar por Foz, cuxa historia está intimamente ligada ao mar. Os participantes recibirán información sobre a importancia do seu porto, así coma dos astaleiros e fábricas de conservas. Ademais, a través dun paseo costeiro, poderán descubrir algunhas praias e miradoiros. A xornada concluirá no Paseo dos Malates xunto ao río Centiño. Aínda quedan prazas dispoñibles para participar nestas actividades. As persoas interesadas poden obter máis información e inscribirse a través da web.
Dezaseis persoas procedentes de Burela, Xermade, Lugo, Foz, Viveiro e Siero (Asturias) gozaron o sábado 19 dunha ruta polo Santo Estevo do Ermo, en Barreiros, para coñecer o corazón da relixiosidade popular e as crenzas ancestrais do municipio, ademais dun espazo natural con flora e fauna de ribeira. A importancia da auga para as civilizacións precristiás, tanto sexan pozos, como fontes ou fervenzas, está indiscutiblemente vencellada a tradicións, que ainda hoxe perviven nesta zona da Mariña. Esta ruta foi guiada por Carmen Delia, La Guiateca.
E o domingo 2o tivo lugar O tesouro escondido, en Alfoz. A través do paseo os visitantes puideron coñecer algún dos lugares máis emblemáticos do concello. A xornada comezou na área recreativa da Ponte Nova, para continuar ao carón do paseo do río Ouro. A continuación o grupo achegouse ata a parroquia do Castro para contemplar as fermosas vistas do val e coñecer o conxunto formado pola igrexa e o Castelo do Castrodouro, emblema do municipio e ben de interese cultural.
Ademais, puideron asistir a unha masterclass impartida polo recoñecido artesán Moncho Vázquez, que consistiu nun obradoiro participativo de cestería. Dezasete persoas acudiron á ruta do pasado domingo, que guiou Ana Pena, procedentes de Burela, Foz, Barreiros, Lugo, Castro de Rei, A Coruña, Lourenzá. A Mariña. Plans con corazón. 16 rutas e visitas guiadas por 16 concellos, é un proxecto promovido pola Mancomunidade, coa colaboración da Xunta de Galicia e da Deputación de Lugo, que busca dinamizar a actividade turística na temporada de outono.