Cervo destina 20.000 euros para a asociación Saúde Mental A Mariña

AMariñaXa
Ten como obxectivo de que poidan manter a calidade do servizo extraordinario que prestan desde a entidade tanto ás persoas usuarias como ás familias
sinatura-convenio-Saúde-Mental-cervo
15 Out 2024

O Concello de Cervo colabora economicamente coa asociación Saúde Mental A Mariña reservando unha partida anual no seu orzamento para apoiar a esta entidade. A rexedora, Dolores García Caramés, mantivo un encontro coa Directora Xeral Técnica da asociación Saúde Mental A Mariña, María José Nóvoa, e co seu presidente, Jorge Manchado, no que aproveitaron para asinar un convenio de colaboración que supón unha axuda nominativa de 20.000 euros co obxectivo de que poidan manter a calidade do servizo extraordinario que prestan desde a entidade tanto ás persoas usuarias como ás familias.

Destacou o gran labor que desenvolven, favorecendo a integración destas persoas con doenza mental na comunidade, a través dunha atención integral. A alcaldesa subliñou a relación periódica e fluída que existe entre a asociación e o concello, “sempre en permanente contacto para atender na medida das nosas posibilidades as súas necesidades e demandas porque a saúde mental é un tema que nos ten que ocupar e preocupar a todos”. "Apoiando a esta asociación –apuntou- non só estamos investindo nun recurso valioso, senón tamén enviando esa mensaxe clara de que a saúde mental, importa, e moito. Investir en saúde mental é investir no futuro da nosa comunidade".

A alcaldesa puxo de manifesto unha vez más o traballo da asociación, que desde as dúas unidades residenciais que ten en Cervo, proporciona un espazo seguro, e consigue crear sentido de comunidade envexable. O seu labor axuda a fomentar a comprensión, e a derribar os muros de silencio que ás veces rodean estes temas. "Con esta axuda económica contribuímos a fortalecer as iniciativas que xa teñen en marcha, e a crear novas oportunidades para aquelas persoas que o precisan. Non só é un compromiso financeiro senón tamén unha mostra do apoio e recoñecemento á vital labor que realizan, dando pasos importantes cada día para derrubar os estigmas da saúde mental", sentenciou.

0.099102973937988