Cervo destina 12.000 euros a apoiar o transporte escolar do alumnado que estudia fóra do municipio

O Concello de Cervo destina este ano 12.000 euros ás axudas de transporte escolar para estudantes que cursen formacións non dispoñibles no municipio. As persoas interesadas poderán presentar a súa solicitude ata o 20 de outubro no Rexistro Xeral do Concello, unha vez revisadas as bases que están dispoñibles na Casa da Cultura, na Casa do Concello e tamén na sede electrónica municipal.
A alcaldesa, Dolores García Caramés, explicou que esta liña de apoio, financiada integramente con fondos municipais, pretende “respaldar ás familias e garantir a igualdade de oportunidades no acceso á educación”. Engadiu que, do mesmo xeito que sucede coas axudas municipais ao material escolar e aos libros, “o obxectivo é acompañar ás familias no esforzo que realizan para que os seus fillos e fillas poidan estudar, aliviando parte dos custos”.
Cada estudante beneficiario, menor de 30 anos, poderá recibir unha subvención de 150 ou 250 euros, segundo o nivel de renda da unidade familiar. Para acceder a estas axudas é preciso cursar estudos universitarios, ciclos medios ou superiores de Formación Profesional, Bacharelato nalgunha das modalidades que non se imparten no municipio, ou ensinanzas musicais en conservatorios e escolas oficiais de música.
A documentación a presentar inclúe fotocopias do DNI de todos os membros da unidade familiar maiores de idade, libro de familia, autorización para acceder a datos administrativos, boletín de cualificacións ou certificación oficial do curso 2024-2025, e no caso de discapacidade ou dependencia, o correspondente certificado oficial.
“Queremos facilitar que a nosa mocidade teña acceso á formación que desexa, mesmo cando non está dispoñible en Cervo”, destacou a rexedora, quen subliñou que estas axudas representan un compromiso directo co futuro educativo do municipio.