Cervo culmina o despregue municipal de fibra óptica e elimina todas as zonas sen cobertura no municipio

O Concello de Cervo vén de finalizar na súa totalidade o plan municipal de despregue de fibra óptica, cumprindo o compromiso adquirido coa veciñanza de eliminar definitivamente as chamadas zonas escuras no municipio. Tras meses de traballo técnico, planificación e diálogo coa cidadanía, o goberno local logrou garantir unha conexión estable e de calidade en todos aqueles núcleos que ata o de agora carecían deste servizo esencial.
As actuacións permitiron dotar de fibra óptica a zonas como A Senra, Castelo, Trasbar e determinados puntos de San Román e Río Cobo, que sufrían importantes carencias de conectividade. O despregue foi posible grazas a un notable esforzo económico asumido con fondos propios polo Concello, ante a falta de resposta doutras administracións e da operadora privada, que deixara sen servizo a varias áreas do municipio.
A alcaldesa, Dolores García Caramés, acompañada polo concelleiro Adrián Arias, mantivo un encontro cos representantes das asociacións veciñais que viñan reclamando esta mellora, co obxectivo de informar de primeira man sobre a finalización do plan e detallar as actuacións realizadas. Na reunión participaron membros da Asociación Cultural e Recreativa O Raxal, da Senra; da Asociación de Montes Veciñais en Man Común Medela Rozada, de Castelo; así como da Asociación de Veciños do Burgo de Trasbar e da Asociación de Montes do Burgo de Trasbar.
Desde o Concello quíxose agradecer expresamente a colaboración destas entidades, subliñando que “foi grazas ao traballo conxunto e á unión da veciñanza cando se formularon peticións claras para que o despregue se realizase como correspondía”. Tal e como se puxo de manifesto no encontro, ante a falta de atención por parte das empresas privadas e doutras administracións, o Concello decidiu asumir un despregue propio para evitar que estes núcleos quedasen excluídos dun servizo básico.
Durante a reunión, a rexedora puxo en valor o traballo desenvolvido ao longo de todo este tempo, lembrando que “a conectividade é unha necesidade básica e unha prioridade absoluta para este goberno local”. Nese senso, explicou que o Concello estivo desde o primeiro momento analizando alternativas técnicas, mantendo contactos coa veciñanza e buscando solucións viables, mesmo ofrecendo opcións temporais ás operadoras para reducir o impacto da falta de servizo.
A alcaldesa recoñeceu tamén o malestar xerado durante o proceso e lamentou que, nalgúns casos, non se agardase ao desenvolvemento dun proxecto que xa estaba en marcha, ao tempo que amosou comprensión pola preocupación da cidadanía. “Hoxe en día, contar cunha conexión estable é fundamental para estudar, traballar ou desenvolver a vida diaria con normalidade”, sinalou.
O plan municipal incluíu investimentos próximos aos 100.000 euros destinados á mellora e ampliación da rede en distintas parroquias. O proxecto naceu tras meses de escoita activa á veciñanza, que trasladou de maneira reiterada a necesidade de contar cun servizo de telecomunicacións digno e acorde coa realidade actual. A partir destas demandas, realizouse un estudo detallado das zonas con cobertura inexistente ou deficiente e analizáronse distintas opcións técnicas para garantir a conexión.
Ao longo de todo o proceso mantívose un contacto constante coa veciñanza afectada, informando dos avances e incorporando as súas achegas ao deseño final do plan. O proxecto técnico estaba redactado desde hai máis dun ano, e desde entón o Concello traballou intensamente para atopar a fórmula de financiamento máis axeitada, recorrendo finalmente a fondos propios ante a ausencia doutras vías de apoio.
Con estas actuacións, o Concello de Cervo dá por pechado un proceso complexo pero imprescindible, reducindo a fenda dixital e garantindo igualdade de oportunidades para toda a veciñanza, independentemente do lugar no que resida. “Dixémoslles que non ían quedar atrás, e hoxe podemos dicir que cumprimos. En Cervo xa non hai zonas escuras”, concluíu a alcaldesa.