Cervo creará unha unha rede de saneamento na Chousa de Motín e mellorará a de Figueirido
O Concello de Cervo deu un paso importante na súa última sesión plenaria ao aprobar unha modificación de crédito do orzamento, utilizando parte do remanente líquido de tesourería do ano 2023. Este cambio permitirá financiar diversas actuacións que buscan mellorar a calidade de vida dos veciños.
A modificación orzamentaria, que ascende a un total de 326.252,39 euros, destinarase a tres importantes proxectos. Un deles á creación da rede de saneamento en "A Chousa de Motín". Cun investimento de 108.724,48 euros, o proxecto inclúe a instalación de sumidoiros de augas residuais en PVC, a renovación das acometidas domiciliarias e a mellora da pavimentación dos tramos afectados, garantindo así unha accesibilidade óptima.
Tamén se renovará a rede de saneamento en Figueirido. Esta actuación, cun custo de 48.176,71 euros, consistirá no acondicionamento das redes de saneamento existentes, substituíndo tramos de abastecemento de auga que están en mal estado e repondo o pavimento danado. E por outra banda, mellorarán as comunicacións no núcelo da Senra: Por un importe de 169.351,20 euros, esta obra incluirá a retirada da capa de rodadura existente e o fresado dos firmes asfaltados, así como a instalación de canlóns de formigón para a recollida de pluviais.
A alcaldesa, Dolores García Caramés, destacou a importancia destas obras para o desenvolvemento das zonas rurais do concello e resaltou que a xestión responsable das arcas públicas permite agora investir en proxectos que beneficiarán a todos os cidadáns. "A xestión eficiente non só se mide en números, senón na capacidade de investir ese excedente en iniciativas que respondan ás necesidades da nosa veciñanza," afirmou. Este compromiso coas infraestruturas, tanto en áreas urbanas como rurais, reafirma o obxectivo do goberno local de proporcionar servizos de calidade a todos os cidadáns.