Cervo convoca a XII edición do Certame de Amor na Rede baixo o lema “Amor sen filtros”

O Concello de Cervo volve celebrar o 14 de febreiro coa convocatoria da XII edición do Certame de Amor na Rede, unha iniciativa que busca fomentar a creatividade e expresar os sentimentos dun xeito libre e auténtico. Nesta ocasión, o tema escollido é “Amor sen filtros”, unha chamada a compartir emocións sen artificios nin máscaras.
O certame está aberto á participación en tres formatos: carta —cunha extensión máxima dun DIN-A4—, fotografía e vídeo, neste último caso cunha duración non superior a un minuto. Poderán concorrer persoas de todas as idades, divididas en dúas categorías: menores e maiores de 18 anos.
O prazo para enviar os traballos permanecerá aberto ata o domingo 22 de febreiro. As propostas deberán remitirse ao correo electrónico habilitado polo Concello ou a través do número de WhatsApp facilitado pola organización. Todas as creacións publicaranse o luns 23 de febreiro no Facebook oficial do Concello, onde se abrirá o proceso de votación popular.
As obras que acaden un maior número de “gústame” ata as 22.00 horas dese mesmo día resultarán gañadoras en cada categoría e formato. Ademais, o xurado concederá un recoñecemento especial ao traballo máis orixinal, tanto na categoría de menores como na de adultos.
En canto aos premios, as persoas menores de 18 anos recibirán un vale de 40 euros para consumir en establecementos do municipio, mentres que as maiores de idade serán agasalladas cunha cea para dúas persoas nun local hostaleiro do termo municipal.
Os nomes das persoas gañadoras daranse a coñecer o martes 24 de febreiro a través das redes sociais municipais. Con esta proposta, o Concello anima á veciñanza a compartir historias e creacións que reivindiquen un amor verdadeiro, espontáneo e sen filtros.