Cervo convértese esta fin de semana na capital do Kung Fu co Campionato Galego e o Interautonómico

Cervo será este sábado, 14 de xuño, o epicentro do Kung Fu galego e estatal coa celebración do II Campionato Galego e do II Torneo Interautonómico desta disciplina oriental, un evento que reunirá a máis de 150 participantes procedentes de Galicia, Asturias, Castela e León, Cantabria, País Vasco e Madrid.
O evento foi presentado pola tenente de alcaldesa, Mali Méndez, xunto ao director nacional de Kung Fu da Real Federación Española de Kárate, o cervense Miguel Ángel Rojo, que destacou a importancia de celebrar unha proba destas características no seu municipio.
As competicións darán comezo ás 10:00 horas no pavillón do CEIP Península da Paz, nunha xornada que se prevé intensa e chea de espectáculo deportivo.
Este campionato está organizado polo departamento de Kung Fu da Federación Galega de Kárate, que coordina tanto a fase galega como a interautonómica. Os combates desenvolveranse nas dúas principais disciplinas: Taolu, formas coreografiadas ao aire con armas ou con man baleira, e Taishou, combate directo entre dous deportistas.
Dentro da modalidade de Taolu, haberá tanto probas individuais como competicións por parellas, o que aumentará o dinamismo e atractivo da cita para o público asistente.
Desde o Concello de Cervo salientaron o seu apoio firme ás artes marciais e ao deporte de base como ferramentas de formación e convivencia. “É unha honra acoller un evento deste nivel no noso municipio, que ademais pon en valor o traballo de clubs e deportistas locais e dá visibilidade a unha disciplina en auxe como o Kung Fu”, apuntou Méndez.