Cervo convértese en punto de encontro internacional co éxito do Curso de Kung Fu Taiji Quan – Estilo Familia Yang

AMariñaXa
A sexta visita do mestre Yang Jun a España reuniu practicantes de varios países e consolidou o municipio como referente das artes marciais tradicionais
Cervo-curso-Kung-Fu-Miguel-Angel-Rojo-outubro-2025
27 Oct 2025

O Concello de Cervo celebrou o grande éxito do Curso de Kung Fu Taiji Quan – Estilo Familia Yang, que tivo lugar esta fin de semana e reuniu participantes chegados de distintos puntos de España e mesmo doutros países. A cita, marcada pola sexta visita do recoñecido mestre Yang Jun a España, consolidou o municipio cervense como un espazo de referencia para a práctica e a difusión das artes marciais tradicionais.

O evento combinou formación técnica, demostracións e momentos de convivencia entre practicantes de diferentes niveis e escolas, que destacaron tanto a calidade das ensinanzas como o ambiente acolledor que atoparon en Cervo.

Durante o curso, a alcaldesa, Dolores García Caramés, recibiu unha placa conmemorativa de mans de Miguel Ángel Rojo Darriba, director nacional de Kung Fu, en nome do Departamento Nacional de Kung Fu da Real Federación Española de Karate e Disciplinas Asociadas (RFEKYDA). O agasallo, explicaron, simboliza o agradecemento polo constante apoio e colaboración que o Concello vén prestando á promoción do Kung Fu e do Taiji Quan ao longo dos anos.

Desde o Concello de Cervo expresaron o seu “máis sincero agradecemento a Miguel Ángel Rojo e a todo o Departamento Nacional de Kung Fu por este bonito detalle e polo traballo que realizan na difusión destas disciplinas, que combinan técnica, filosofía e valores de respecto e superación persoal”.

A alcaldesa destacou tamén o orgullo de poder acoller en Cervo “un evento que une cultura, deporte e amizade, e que contribúe a proxectar a imaxe do noso municipio máis aló das nosas fronteiras”.

O curso concluíu cunha emotiva sesión colectiva ao aire libre, na que participantes e mestres compartiron aprendizaxes e experiencias, reafirmando o espírito de comunidade e paixón que define o Kung Fu Taiji Quan.

⚙ Configurar cookies
0.075587034225464