Cervo continúa a traballar ao carón dos apicultores na loita contra a velutina

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
5 Maio 2020

O Concello de Cervo continúa a traballar ao carón das persoas apicultoras do municipio na loita contra a vespa velutina. 

Días antes de que se decretase o Estado de Alarma –en concreto o 12 de marzo- o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e a edil de Medio Ambiente, Mali Méndez, convocaron a aquela veciñanza que posúe colmeas na súa propiedade, a un encontro no salón de plenos do Casa do Concello, para avaliar a situación actual e a incidencia da velutina neste tempo.  

A raíz desa reunión, acordouse facer unha nova entrega de produto atraínte, tal e como se leva facendo con carácter regular desde o ano 2017. 

Tendo en conta a situación de excepcionalidade que vivimos, traballouse intensamente para poder facer provisión deste líquido, que tal e como confirmaron lles resulta eficiente para poder elaborar trampas para as raíñas, para tentar reducir a formación de niños neste tempo. 

 A Policía Local achegouse a unha trintena de domicilios para facer chegar o atraínte de balde. 

Villares sinalou que a nosa intención é seguir estando ao carón dos nosos apicultores, tal e como vimos facendo desde que temos constancia da presenza da velutina no noso municipio; “traballando coordinadamente con eles para afrontar esta problemática, tentando minimizar o impacto desta especie invasora para protexer, na medida das nosas posibilidades, o seu traballo e o das súas abellas”. 

0.16314291954041