Cervo contará co novo Punto de Encontro Familiar da Mariña

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, visitou esta mañá en Cervo as instalacións do futuro Punto de Encontro Familiar (PEF) da Mariña, nas que acaban de rematar as obras de acondicionamento do edificio cedido pola administración local á Xunta de Galicia.
Rey, acompañado pola alcaldesa de Cervo, Dolores García, explicou que este novo centro dará servizo aos 15 concellos da comarca, desde O Vicedo ata Ribadeo, permitindo que os veciños non teñan que desprazarse ata Lugo para realizar as visitas reguladas polo réxime xudicial. Tras a finalización dos traballos de acondicionamento, o seguinte paso será publicar o concerto social que xestionará o funcionamento do PEF.
Os Puntos de Encontro Familiar teñen como obxectivo asegurar un réxime de visitas seguro nos casos de separación conflictiva entre proxenitores. Estes centros contan con profesionais especializados en infancia que supervisan a protección dos menores, realizan un seguimento individualizado de cada situación, garantizan o dereito das nenas e nenos a manter contacto cos seus proxenitores ou familiares, e alertan aos servizos de protección da Xunta se detectan algunha situación de desprotección.