Cervo consolida o seu apoio á saúde mental cun novo convenio coa Asociación A Mariña

O Concello de Cervo acaba de dar un novo paso no seu compromiso coa saúde mental, formalizando un convenio de colaboración coa Asociación Saúde Mental A Mariña que garante unha achega nominativa de 20.000 euros con cargo ao orzamento municipal. A rexedora, Dolores García Caramés, mantivo unha reunión coa directora xeral técnica da entidade, María José Nóvoa, e co presidente, Jorge Manchado, na que se rubricou este acordo destinado a consolidar un servizo que, segundo salientaron, resulta imprescindible para moitas familias do municipio.
A contribución económica permitirá á asociación manter e reforzar unha atención especializada que favorece a integración social das persoas con problemas de saúde mental, ademais de recoñecer o intenso labor profesional e humano que desenvolven os equipos da entidade. García Caramés subliñou que este apoio “é unha maneira de reafirmar que a saúde mental importa, e moito; investir nela é investir no futuro da comunidade”.
A rexedora destacou tamén que a colaboración entre o Concello e a entidade é continua ao longo do ano, visible en propostas como o programa Arruguiñas, no que Saúde Mental A Mariña ofrece talleres terapéuticos dirixidos ás persoas maiores de Cervo. Estes obradoiros contribúen a mellorar o benestar emocional da veciñanza e a fortalecer os vínculos comunitarios.
A alcaldesa puxo en valor igualmente o labor que se desenvolve nas dúas unidades residenciais que a asociación mantén no municipio, “espazos seguros nos que se crea un forte sentido de pertenza e acompañamento”. Para a rexedora, o compromiso municipal non é só económico, senón tamén unha mostra clara de recoñecemento ao papel esencial que desempeña a entidade na loita contra o estigma e na promoción dunha sociedade máis consciente e solidaria.
García Caramés concluíu que esta achega permitirá dar continuidade ás iniciativas xa en marcha e abrir novas vías de apoio para quen máis o precise, reforzando unha cooperación institucional que se considera estratéxica para o benestar da comunidade cervense.