Cervo conmemorará o Día Internacional da Muller con diversos actos

O Concello de Cervo, en colaboración coas diferentes asociacións de mulleres do municipio –Asociación de Mulleres de San Ciprián, Amas de Casa “Alborada”, Mulleres Rurais “As Espalladoras” e Mulleres en Igualdade– programa diferentes actos con motivo do Día Internacional da Muller. As actividades foron acordadas nun encontro que mantiveron a alcaldesa, Dolores García Caramés, e a concelleira de Muller e Igualdade, Pilar Armada, coas representantes destes colectivos, na Casa da Cultura.
O sábado, 8 de marzo, está prevista unha andaina que partirá do Faro da Atalaia ata a Casa do Mar, ás 17:00 horas. A continuación, as persoas participantes poderán compartir un café e desfrutar dunha exhibición de danza oriental.
Xa o domingo 9 de marzo, ás 15:00 horas, celebrarase o tradicional xantar no restaurante O Noso Lar. As interesadas poden mercar os seus tickets no propio establecemento. Durante o evento haberá agasallos sorpresa para todas as asistentes, ademais da entrega de trofeos ás gañadoras dos campionatos de tute e parchís, nos que participan unha vintena de parellas.
A xornada rematará cun animado baile na Casa do Mar, amenizado polo Dúo Dilema.
O Concello de Cervo anima a todas as mulleres do municipio a sumarse aos diferentes actos programados nesa fin de semana, "nunhas datas simbólicas nas que se visibiliza a loita pola igualdade de xénero e o empoderamento da muller en todos os ámbitos da vida".