Cervo clausura o obradoiro de emprego compartido con Burela e Xove

AMariñaXa
A alcaldesa destacou o impacto da formación en xardinería, con alta inserción laboral e beneficios visibles nos tres concellos
CERVO-clausura-obradoiro-emprego-Sendas-burela-cervo-xove-XI
2 Sep 2025

O Concello de Cervo acolleu  o acto de clausura do Obradoiro de Emprego “Senda de Burela, Cervo e Xove XI”, no que participaron vinte alumnos e alumnas —sete de Cervo, seis de Xove e sete de Burela—.

O encontro contou coa presenza da alcaldesa, Dolores García Caramés, acompañada pola edil de Medio Ambiente, Mali Méndez; a directora territorial de Emprego da Xunta en Lugo, Carmen José López; os tenentes de alcalde de Xove e Burela, Dolores Meitín e Mario Pillado; ademais do director, equipo administrativo, monitores e alumnado do programa.

Durante a súa intervención, García Caramés subliñou que “é un auténtico pracer para o noso municipio poder organizar de novo este obradoiro compartido, que serviu para mellorar a formación en xardinería do alumnado e, ao mesmo tempo, para levar a cabo actuacións de interese xeral en Cervo, Burela e Xove”.

A rexedora salientou que a xardinería é unha profesión cun alto índice de inserción laboral e animou aos participantes a aproveitar a formación recibida para avanzar nos seus proxectos profesionais.

En Cervo, os traballos realizados durante os nove meses de duración do obradoiro centráranse na mellora e mantemento de zonas verdes, poda, plantacións de tempada e no acondicionamento da senda botánica de Sargadelos, así como da contorna do Museo do Mar e do parque Reina Sofía, entre outros espazos que agora amosan unha imaxe renovada.

“Estes obradoiros son unha oportunidade única de colaboración institucional, que melloran a empregabilidade e repercuten directamente na calidade de vida da veciñanza”, apuntou a alcaldesa, quen agradeceu o labor de todo o equipo e, de maneira especial, do alumnado: “Noraboa polo traballo destes meses, o esforzo que fixestes vese claramente nos espazos públicos”.

Para concluír, García Caramés avanzou que o Concello de Cervo seguirá apostando por este tipo de iniciativas formativas en colaboración coa Xunta de Galicia, dado o seu impacto positivo tanto no ámbito laboral como no social.

⚙ Configurar cookies
0.1683509349823