Cervo celebrará o Día Internacional da Muller cun xantar de convivencia e música en directo

AMariñaXa
O encontro, organizado coas asociacións locais, terá lugar o 8 de marzo e incluirá entrega de premios e sorteo de agasallos
Cervo-Dia-muller-2026
23 Feb 2026

Cervo prepara unha nova edición do tradicional xantar con motivo do Día Internacional da Muller, unha cita que combina reivindicación e celebración nun ambiente de encontro e compañeirismo. A actividade está organizada polo Concello en colaboración coa Asociación de Mulleres de San Ciprián, Amas de Casa “Alborada”, Mulleres Rurais “As Espalladoras” e Mulleres en Igualdade de Cervo.

A comida terá lugar o domingo 8 de marzo ás 14:30 horas no restaurante O Noso Lar, cun prezo de 35 euros por persoa. As persoas interesadas poderán adquirir os seus tíckets directamente no establecemento a partir de mañá.

Durante o xantar procederase á entrega dos premios ás gañadoras dos campionatos de tute e parchís que se están a celebrar estes días no municipio, e tamén se realizará un sorteo de agasallos doados polas asociacións participantes.

A xornada continuará pola tarde cunha sesión musical a cargo do Dúo Caramelo na Casa do Mar, co obxectivo de prolongar a festa nun ambiente distendido e participativo. Desde o Concello salientan que esta iniciativa pretende poñer en valor o papel das mulleres na sociedade e ofrecer un espazo para compartir experiencias, fortalecer lazos e seguir avanzando na igualdade real.

O goberno local anima a todas as mulleres do municipio a sumarse a esta celebración colectiva, concibida como unha oportunidade para recoñecer o camiño percorrido e reforzar o compromiso coa igualdade.

0.079949140548706