Cervo celebrará o 50 aniversario de Airiños do Xunco cunha cea-baile chea de tradición e música

AMariñaXa
A Asociación Cultural reunirá no Almacén a socios, veciños e amigos nunha festa amenizada por DJ Conxuro
cervo-50-aniversario-airinos-do-xunco
21 Sep 2025

Cervo prepárase para vivir unha noite moi especial o vindeiro 25 de outubro, cando a Asociación Cultural Airiños do Xunco celebre o seu 50 aniversario cunha gran cea-baile no local do Almacén. O evento promete ser un encontro cheo de emocións, no que se darán cita socios, veciños e amizades que compartiron ao longo destas cinco décadas a vida cultural do municipio.

O menú estará composto por langostinos, carne asada, sobremesa, café, chupito e bebida, e a festa continuará con música, baile e algunha sorpresa. A animación correrá a cargo de DJ Conxuro, que será o encargado de poñer ritmo a unha celebración chamada a converterse no broche de ouro dun ano histórico para a entidade.

Desde a organización lembran que se trata dunha ocasión perfecta “para xuntarnos todos, quen pasou pola asociación nalgún momento e quen segue formando parte dela, porque Airiños do Xunco é sinónimo de comunidade”. A festa estará aberta tamén a quen simplemente queira sumarse e compartir esta data especial, reforzando o forte vínculo que Cervo mantén coa súa tradición cultural.

As entradas poden adquirirse na Pousada O Almacén ata o 19 de outubro, cun prezo de 35 euros para adultos e 20 euros para nenos e nenas ata 12 anos.

⚙ Configurar cookies
0.075260162353516